Os xogos máis actuais de Mario, por norma xeral, xa veñen localizados a varios idiomas, incluíndo as variedades portuguesa e brasileira da nosa lingua. No Super Mario Bros. Wonder, mentres corres e saltas polo Reino Flor adiante, pode ser que unha flor che berre “Vai pela sombra!”. Mais isto non sempre foi así. As primeiras aventuras de Mario, a pesar de seren feitas no Xapón, só estaban nun idioma, o inglés.
Afortunadamente, catro décadas despois, a tecnoloxía está ben máis avanzada. Tan avanzada, que calquera persoa cun pouco de coñecemento pode editar xogos antigos na súa casa co seu computador persoal. Isto, que se coñece como ROM hacking, é o que fai posíbel que fans galegues poidan traducir para a nosa lingua aquilo que Nintendo non traduciu no seu momento. E no caso de Mario, parafraseando aquel anuncio dos anos 90, Retro Galicia does what Nintendon’t.
Entón, nesta entrada do blogue, vamos repasar tres xogos clásicos de Mario que podes xogar en galego grazas ás traducións fan de Retro Galicia.
Super Mario Bros.

Pode ser que chames bros aos teus amigos, mais iso non significa nada. Nos anos 80, os bros non podían ser un xan ninguén calquera, tiñan que merecer ser chamados así. E de entre todos os bros, os únicos bros verdadeiros, os OG bros, son os Super Mario Bros.
Ah, que non sabías? Non é que Mario se apelide Bros, ese Bros. é a abreviatura do inglés brothers, igual que o bro co que chamas ao teu colega. Os irmáns (ou irmaos) Mario, que diríamos en galego. Que, pensando ben, é bastante egocentrismo por parte de Mario decidir que o par formado polos irmáns Mario e Luigi se chame “Irmáns Mario”. Sería como se as Tanxugueiras se chamasen “Aida e mais as irmás Olaia”. Entón… se Olaia é Mario e Sabela é Luigi… quen sería Aida? Peach? Bowser? Uf, rebobino, que estou a desvairar.
No ano 1985, Mario comezaba a súa grande aventura polo Reino Cogumelo nunha consoliña chamada Nintendo Entertainment System, máis coñecida pola xente da época como “apaga o raio da nintendo e ponte a estudar”. Nela, Mario irá atravesando mundos e conquistando castelos até rescatar a Peach, a Princesa Cogumelo, das poutas de Bowser, o Rei dos Koopas. É neste xogo que lemos por primeira vez unha das frases máis míticas dos videoxogos Thank you Mario! But our princess is in another castle!, que Retro Galicia adaptou ao galego como “Grazas, Mario! Mais Cogumelo atópase noutro castelo!”.
Super Mario Land

Avanzamos un pouco no tempo, até o ano 1989. Aquí Mario decidiu deixar o seu bro na casa e ir de viaxe fóra do Reino Cogumelo, ás terras de Sarasaland, que están posuídas polo ritmo ragatanga. Non, esperade que mire nas notas… invadidas polo monstro Tatanga. Iso é. O tal Tatanga invadiu Sarasaland e raptou a princesa Daisy. A princesa Margarida, na versión en galego.
Si, xa sei o que estades a pensar. Outra vez un heroe afouto salvando unha princesa en perigo. Os argumentos dos xogos, daquela, cheiraban bastante ao Varon Dandy. Mais nos xogos de Mario a historia é apenas unha pincelada, unha escusa para pór o Mario a saltar. O que verdadeiramente importa é a xogabilidade.
Moi ben todo, mais… que ten de especial o Super Mario Land? Pois que foi o primeiro xogo portátil de Mario. O primeiro xogo que podías xogar na rúa. Vaia, sempre que non estivese moi escuro fóra. Nin houbese demasiada luz. Que queredes que vos diga, a pantalla da Game Boy facía o que ben podía. Hoxe en día o móbil máis trapalleiro ten unha pantalla CHEIRADE 4K 120FPS retroiluminada poliinsaturada ergonómica trigonométrica, mais daquela só tiñas unha pantalliña LCD con 4 tons de gris. E miopía, probabelmente tamén tiñas miopía, porque mirar moito tempo para aquilo non podía ser bo para a vista.
Super Mario World

Saímos dos anos 80 para nos adentrarmos na década dos anos 90. Concretamente, 1992, ano en que Mario deu o salto aos 16 bits. Tanto a Nintendo como a Game Boy, eran consolas de 8 bits, mais agora Nintendo sacara a súa flamante nova consola de 16 bits, a Super Nintendo. Que que é iso de 8 bits e 16 bits? Podería darvos unha explicación longa e detallada sobre as arquitecturas das CPU, mais a realidade é que naquela época iso non importaba. Máis número de bits, máis mellor consola. Bits go brrr.
Nesta nova aventura, Mario, Luigi e Peach viaxan ao Dinarquipélago (que bonito traduce Retro Galicia!). Só que ao pouco de chegaren alí, a princesa desaparece. Si, de novo. Si, os afoutos heroes Mario e Luigi teñen que rescatar a coitada da princesa. Si, Varon Dandy. En fin…
Como novidade, no Dinoarquipélago viven os Yoshis, unha especie de dinosauros en que podes cabalgar. Yoshis no plural, porque hai moitos Yoshis diferentes que axudarán os nosos heroes no camiño. E si, na franquía de Mario existe un Yoshi específico chamado Yoshi que aparece en varios xogos. Porque para que inventar nomes novos cando podes usar o mesmo para un individuo e para a especie enteira? Non sería xenial chamarse Humana? Boas, son a humana Humana (dudú dududu!).
E até aquí o repaso a estes tres xogos que marcaron unha época. Se queredes xogar a eles en galego, en Xogalego ides encontrar a ligazón ao parche de tradución. Tendes que ter a ROM orixinal do xogo e usar unha ferramenta para xuntar as duas cousas, como o ROM Patcher JS. E aí é só abrir o ficheiro cun emulador da consola correspondente, ben no computador, ben no móbil. Ou, se sodes hackers de verdade, seguro que dades encontrado o xeito de xogar no hardware orixinal.
It’s-a-me, Mario! Let’s-a-go!


