Nos últimos anos o galego avanzou en eidos impensables hai dúas décadas: plataformas de streaming, música urbana, podcasts, divulgación científica, contidos infantís, cultura maker, programación…
Porén, hai un territorio onde a nosa lingua seguía practicamente invisible: o mundo dos videoxogos. Un sector clave entre a mocidade, cunha capacidade enorme para xerar referentes e hábitos lingüísticos.
Aquí é onde nace Xogalego, un proxecto que busca facer visible, accesible e valorizado todo o catálogo de videoxogos dispoñibles en galego, e tamén impulsar que medre. A misión é simple: que xogarmos na nosa lingua sexa accesible, normal e atractivo.
Por que fai falta Xogalego?
O inicio do proxecto non é casual: hoxe é moi difícil atopar videoxogos en galego, aínda que existan. Plataformas como Steam ou itch.io só comezaron a recoñecer o galego nos últimos anos, e incluso así, os datos son incompletos ou incorrectos. Un exemplo: Filtrando no Steam en galego, dos 60 xogos que aparecían saídos en setembro de 2024, só un estaba realmente dispoñible na nosa lingua.
É dicir: o contido existe… pero está agochado. E iso ten consecuencias directas: se o xogador non o encontra, non existe; se non existe, non se xoga; e se non se xoga, non se demanda. O círculo péchase.
Xogalego chega para romper esa dinámica.
Que é exactamente Xogalego?
Xogalego é un catálogo en liña de videoxogos en galego, co obxectivo de:
- Recoller e organizar os videoxogos dispoñibles na nosa lingua
- Servir de repositorio para títulos futuros e motivar novas localizacións
- Ofrecer información clara e verificada sobre cada xogo
- Apoiar a localización ao galego como práctica habitual na industria
- Axudar ao profesorado a empregar videoxogos nos centros educativos
- Normalizar o galego no eido do ocio dixital e tecnolóxico
Non se trata só de listar xogos: trátase de facilitar que calquera persoa —rapaces, familias, docentes, creadoras, streamers— poida descubrir e desfrutar videoxogos en galego.
Como se constrúe este catálogo?
Xogalego desenvolverase en varias fases claras: primeiro unha recollida e validación dos xogos, logo a construción da web e finalmente o lanzamento e difusión pública.
Cada título incluirá información estruturada:
- Nome do xogo, ano e estudo creador
- Plataformas dispoñibles (PC, consola, móbil…)
- Xénero, temática e estilo
- Idade recomendada e idiomas dispoñibles
- Ligazóns oficiais para mercar ou descargar
- Capturas e vídeo en galego cando sexa posible
- Recensión descritiva tras probalo realmente
As fichas están realizadas por un equipo de persoas que xogará cada xogo, verificará o idioma e valorará a súa utilidade pedagóxica.
Non só catálogo: tamén divulgación e educación
Xogalego non é só unha web estática. Inclúe tamén:
- Actividades en centros educativos
- Colaboración con docentes para crear unidades didácticas
- Vídeos e análises en redes sociais
- Listaxes temáticas (ex.: “Videoxogos con inspiración literaria galega”, “Xogos feministas en galego”, etc.)
- Chamadas abertas á comunidade para achegar títulos descoñecidos
O obxectivo é claro: xogar tamén pode ser educar e normalizar.
Quen está detrás de Xogalego?
O proxecto está impulsado polo equipo de Recuncho Gamer, referente galego na divulgación sobre videoxogos, gañador do premio Youtubeiras 2024 e creador de formatos sobre videoxogos para a Radio e Televisión de Galicia.
A dirección corre a cargo de Iago Gordillo, acompañado dun equipo de redacción formado polos membros do Recuncho Gamer Podcast, Ángela Triana e Jon Amil, especializados en análise e cultura do videoxogo.
Xogalego é un proxecto premiado polo Fondo de apoio a proxectos singulares para a mellora social 2025 polo área da cultura da Deputación da Coruña.
Impacto social: por que isto importa?
Xogalego non é un capricho nin unha base de datos técnica. É unha ferramenta directa para:
- Normalizar o galego entre a mocidade nun ámbito que xa é seu
- Dar visibilidade a estudos e creadoras que apostan polo galego
- Facilitar recursos a docentes e familias
- Corrixir as lagoas das plataformas comerciais
- Crear comunidade arredor do videoxogo en galego
- Reforzar o galego como lingua válida no mundo dixital e creativo
Nun contexto de caída de uso entre a mocidade, abrir portas na cultura dixital non é opcional: é estratéxico.
Un proxecto vivo e con futuro
Xogalego nace con case 90 xogos recollidos nos que nestas primeiras semanas superaremos os 200 títulos que xa temos indexados. O obxectivo é manter o catálogo actualizado, promover eventos e seguir dinamizando, coa intención de ser un recurso vivo e duradeiro.

